miércoles, 19 de febrero de 2014

IGLESIA DE SANTA MARIA DE OLEIROS - SALVATERRA DO MIÑO





Limita coa parroquia de Salvaterra, o río Miño, Liñares e Fiolledo. O Territorio de Oleiros discorre paralelo ao río Miño. No seu leito consérvanse pesqueiras, antigas construcións de pedra empregadas para a captura da lamprea.

O río favoreceu o asentamento da poboación na parroquia de Oleiros dende os tempos antigos. Entre os vestixios atopados dos nosos antepasados destaca un campo de mámoas, descritas polo Pai Sarmiento no século XVIII e actualmente moi destruídas pola acción humana, e atopáronse fragmentos de tégulas na finca de Teáns

O Miño proporciónalle os veciños de Oleiros e das outras parroquias das súas beiras abundantes recursos pesqueiros e ademais existía unha barca de paso a localidade portuguesa de Monçao.

Ata comezos do século XIX Oleiros estaba dividida en dúas parroquias: Santa Columba de Pedra Furada e a de Santa María de Oleiros. A unión de ambas levouse a cabo durante o pontificado do bispo tudense Juan García Benito.

No territorio da antiga parroquia de Pedra Furada levántase a Fortaleza de Teáns, da familia Ozores. Esta denominación de Teáns aparece nunha escritura do 17 de xuño de 1243 entre o Bispo Lucas e o seu cabildo.

O poderío desta casa se inicia coa fundación do vínculo en 1544 por Vasco de Ozores, cuxa descendencia chegaría a posuír os títulos de marqueses de Aranda e Villagarcía, condes de Amarante, marqueses de Valadares, condes de Taboada e marqueses de San Miguel das Penas, entre outros.

A finca posúe un marcado carácter rural. O impoñente canastro construído en madeira e pedra demostra o poderío económico desta influente familia da comarca. No interior da propiedade existe unha capela mandada construír a finais do século XVIII polo Marqués de Amarante ao mestre de arquitectura Pedro de Monteagudo.

Trátase dunha capela singular pola súa planta central de formato cuadrangular que se coroa mediante unha cúpula levantada sobre tambor. O espazo interior de formato cadrado, está flanqueado por catro columnas apoiadas sobre unha bóveda de crucería de grandes nervaduras.

Na beira do río Miño hai un manancial de augas sulfurosas, como destaca o médico e erudito Nicolás Taboada Leal en 1877. Entre as obras deste autor destaca unha obra sobre a historia de Vigo, a súa ría e arredores publicada en Santiago no ano 1840 titulada Descripción topográfica histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores. A igrexa parroquial está dedicada a súa patroa Santa Marina. Os seus barrios son Chan da Salgosa, Chan de Goia, Costa, Coto, Outeiro, Pedrafurada, Rgueiras, Teáns, Santas, Val de foxos, Vaquería e Vao.

No hay comentarios:

Publicar un comentario